Monday 29 de April de 2024

Rosa Quintana destaca o traballo dos grupos de acción costeira que desenvolveron máis de 400 proxectos entre 2007 e 2013


A conselleira sinalou que durante o anterior período investíronse 25,2 millóns de euros para apoiar estes proxectos a través dos que se crearon 250 postos de traballo

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, destacou na Cidade da Cultura de Santiago o traballo dos Grupos de Acción Costeira como exemplo de crecemento sostible do sector mariñeiro, que na etapa comprendida entre 2007 e 2013 foron os artífices de crear 250 postos de traballo no marco de 427 proxectos,relacionados cos produtos do mar, o turismo, a hostalería e a recuperación do patrimonio.

Rosa Quintana sinalou, na clausura da xornada final dos GAC ‘Vivir do Mar. Tecer o futuro’, na que tamén participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que estes proxectos -quesupuxeron un investimento de algo máis de 25 millóns de euros-redundaron na diversificación do traballo, establecendo actividades paralelas e complementarias ao exercicio da pesca e camiñando en consonancia coa defensa e práctica da pesca sostible que defende a Comisión Europea.

A conselleira felicitou aos participantes destas xornadas, celebradas en distintas localidades galegas durante todo o mes de xullo, xa que a través deses proxectos foron quen de mellorar as taxas de crecemento económico e o emprego destas zonas, contribuíndo a aumentar a capacidade de elección das persoas do sector á hora de buscar novas fontes de ingresos, promovendo a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes e a conservación do patrimonio natural, cultural e histórico destas zonas. Rosa Quintana destacou o peso destes proxectos, onde na pasada conferencia “Sailingtowards 2020” -organizada pola DG Mare- foron expostos como modelos a ter en conta.

Por outra banda, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou a forte vinculación da Comunidade galega co mar, da cal afirmou “constitúe unha das maiores fortalezas de Galicia como destino ao achegar unha experiencia turística diferencial, propia e auténtica”.

Neste senso, Nava Castro sinalou que a especialización do destino a través da potenciación do mar como recurso repercute positivamente no desenvolvemento turístico do territorio galego. A responsable de Turismo da Xunta explicou que, dada esta importancia, Galicia foi a comunidade pioneira en poñer en valor e crear un produto turístico partindo da oferta mariñeira.

“Dende Turismo de Galicia apostamos polo desenvolvemento de experiencias turísticas asociadas ao mar e na súa conversión nun produto innovador, con gran potencial e reclamo para os viaxeiros que queiran afondar na autenticidade dos destinos”, afirmou Nava Castro.

Esta xornada final, serviu de intercambio de experiencias para poñer en común as accións desenvolvidas nos distintos territorios costeiros durante os últimos sete anos, así como analizar as principais novidades do novo período. Nela tamén estiveron presentes o secretario xeral do Mar, Juan Carlos Maneiro; a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez; a representante da Rede Europea de Zonas de pesca, FARNET, Lorena Vanderkolk; e os presidentes e presidentas dos Grupos de Acción Local.

Retos de futuro
Coa posta en marcha do novo Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), estes Grupos de Acción Local volverán contar con recursos dirixidos á dinamización económica, social e cultural das zonas de pesca. O FEMP marca unha serie de prioridades estratéxicasorientadas cara o desenvolvemento sostible das zonas pesqueirasco acento posto no incremento do emprego e a cohesión territorial, que é un dos principais retos dos tratados fundacionais da Unión.